A publicidade sexista

Hai un pouco que rematei unha entrevista na Radio Galega sobre publicidade sexista que se emitirá previsiblemente mañá ou pasado nos informativos de mediodía. O tono da entrevista lévame a pensar que é probable que aborden o tema como se fai habitualmente: tratando a publicidade coma un desprezable compartimento estanco dentro da sociedade. Por se acaso os cortes seleccionados non o deixasen claro, aquí quedan dous breves apuntes coa miña opinión.

Que a publicidade resulta en moitos (moitos) casos escandalosamente sexista é un feito que non admite discusión, pero a teima habitual de mirala por enriba do ombreiro coma se nós, como sociedade, estivesemos moi lonxe do que a publicidade nos amosa é un erro grave.

O 23 de outubro de 2014 participei nunha xornada do Consello da Cultura Galega sobre a publicidade en Galicia. Na miña intervención argumentaba, por unha banda, que a comunicación publicitaria dunha marca responde tanto á identidade e filosofía dunha empresa como aos valores sociais do público obxectivo (lóxica comercial) e, por outra, que forma parte dun ecosistema mediático e social no que os valores de referencia predominantes son similares aos que explota a publicidade (acaso é menos sexista o cine, a prensa, o deporte ou a moda?).





Con isto quero dicir que rara vez a publicidade será punta de lanza de novos valores sociais sen o empuxe de institucións ou empresas que queiran promovelos (ben con finalidade comercial ou por seren obxectivamente positivos) ou o apoio dun público receptivo a eses novos valores. Os valores culturais socialmente aceptados, o políticamente correcto, son elementos cambiantes ao longo do tempo e, normalmente, una marca adaptará a súa comunicación ao que a sociedade pode aceptar (a pesar de que transgredilos tamén pode ser una estratexia, é máis habitual o primeiro que o segundo).

Dende unha perspectiva histórica é preciso clarificar que a publicidade non fai máis que reflectir os valores da sociedade á que se dirixen as súas mensaxes; nese sentido será tan vangardista culturalmente como sexan a marca sobre a que fala e a audiencia que escoita

Que a publicidade é sexista? Pois claro! Pero acaso non o é a nosa sociedade? Acaso non o somos nós?

YouTube Preview Image

A publicidade de Galicia

O pasado 23 de outubro participei na xornada “A publicidade en galego” organizada polo Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. Dentro da xornada o meu papel era falar da historia da publicidade de Galicia en media hora máis ou menos, despois de que o profesor Alberto Pena explicase a situación actual do sector e xusto antes de que o profesor Benigno Fernández Salgado trazase unha perspectiva histórica da publicidade en galego. Como son un tipo organizado tratei de non meterme moito nos temas dos meus compañeiros de mesa e centrarme en percorrer, a fume de carozo, a historia da publicidade “de” Galicia.

Precisamente polo medo xustificado a que non me dese tempo a abordar todo o que quería, comecei coa miña declaración de intencións e coa miña opinión sobre a publicidade en galego (sobre a publicidade en xeral, en realidade). Despois pasei a trazar un brevísmo percorrido por marcas, anuncios e liñas creativas comezando por finais do XIX. Non hai titulares triunfalistas con respecto ao valor do galego na publicidade porque creo que non hai moito que celebrar nese eido, máis ben moito traballo que facer dende abaixo.

Deixo aquí a presentación que fixen ese día xunto co vídeo da miña intervención. De antemán pido desculpas por todo o que me deixei polo camiño en canto a medios, anuncios, axencias e anunciantes: de que en Galicia temos grandes profesionais da comunicación publicitaria dá testumuño entre outros, o Creatividade Galega.

YouTube Preview Image

Se vos gusta (ou se non vos gusta) compartide, comentade ou convidádeme a outro foro onde desenvolver máis  o tema 😉

A maior parte das imaxes empregadas proveñen da “Historia da publicidade en Galicia“, dirixida por Chechu Pérez e na que participaron varios investigadores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo. Tamén obtiven algunhas (as do sector lácteo) no interesantísimo Galicia Agraria e en “La publicidad en la prensa de Pontevedra: (1930-1975)” coordinado por Alberto Pena.

Un par de ideas sobre TV Social

Haberá un mes contactaron comigo dende El Correo Gallego, para participar nunha reportaxe sobre televisión social que finalmente se publicou o pasado 03/01/2014. Cando recibín o cuestionario sabía que só precisaban un par de frases que poder encaixar coas do resto de entrevistados e construír un relato coherente pero, mesmo así, tomei a determinación de contestar extensamente (inda que de xeito pretendidamente conciso) para dar saída a un par de ideas que, a pesar de comentar nas clases habitualmente, nunca tivera ocasión/tempo de poñer por escrito.

Reproduzo aquí a esencia das preguntas que me fixeron (non me pareceu axeitado poñelas literalmente porque non era idea de quen as formulou que eu as publicase) e as miñas respostas:

1. ¿Qué importancia otorga a la llamada “audiencia social”? ¿Es una moda?

Desde o meu punto de vista o principal valor da “audiencia social” é cualitativo, non cuantitativo. Existen outras ferramentas de medición –mellorables– que nos din canta xente ve un programa de televisión (aplicadas ou en fase experimental, como a información que poden dar as televisións conectadas ou os decodificadores de TDT interactivos a través da canle de retorno), mentres que é moi complicado e caro obter por outra vía todas as opinións que os “espectadores sociais” están publicando sobre un programa no momento da súa emisión. Dende logo que procesar todos eses datos e obter conclusións non é sinxelo, pero é posible. Por outra parte, o que se consegue fomentando esa práctica é que a emision televisiva convencional gañe un valor engadido con respecto á tendencia crecente do consumo asíncrono/á carta a través de internet, posto que a acción de comentar e ler comentarios sobre un programa realízase durante a súa emisión, “en directo”, e ofrece a posibilidade de que as canles de televisión entren na conversa e exploten as posibilidades de interacción coa audiencia que estas tecnoloxías permiten.

En calquera caso, o valor da información que podemos obter dos usuarios que comentan un programa ten que matizarse tamén en función do grao de correspondencia que exista entre o perfil do usuario de redes sociais e companion apps e o perfil de espectador da canle ou do programa en cuestión. Tampouco debemos obviar que o fenómeno é especialmente visible en prime time e con certos contidos: os informativos e as telenovelas poden ter elevadas audiencias na súa franxa de emisión pero non é frecuente que rexistren un volume elevado de comentarios en redes sociais ou aplicacións específicas.

Non creo que sexa unha moda puntual porque a xente comenta os programas que ve na TV dende os inicios do medio: ou ben no fogar coa familia mentres se vía un concurso, ou ben no traballo ou centro de ensino ó día seguinte comentando o que pasara nunha serie ou evento deportivo o día anterior. Creo que pode cambiar a tecnoloxía que permita facelo ou a preferencia da xente por usar un ou outro medio, pero o comportamento social existe e manifestarase dun ou doutro xeito.

2. ¿Qué valor da al hecho de que Nielsen y Twitter ya midan esa audiencia social en EE.UU.? Kantar Media dice que ofrecerá datos sociales junto a los clásicos de los audímetros aquí en 2014. ¿Qué papel puede jugar aquí la publicidad?

Twitter leva tempo tentando posicionarse como a ferramenta de referencia para canalizar os comentarios dos “espectadores sociais”. Existen redes sociais, como Facebook, comezando a mover ficha neste senso e existen moitas aplicacións second screen deseñadas para que o usuario faga check-in (comunique o que está vendo na TV) e ademais o valore. Xorden tamén empresas que se dedican a medir volumes de comentarios nesas redes e aplicacións, valorar o sentimento positivo ou negativo dos mesmos e a facer negocio con eses datos. Nun contexto así, creo que a unión da empresa de medición de audiencias que explota o servizo en cada país (Nielsen nos EE.UU., Kantar Media en España) coa ferramenta que se considera hexemónica para canalizar comentarios sobre o que se está a ver na TV é un paso natural para mellorar a medición ofrecida e ampliar o tipo de información que poden aportar ós operadores de televisión, como, por exemplo, cales son os elementos do programa que os usuarios valoran máis e cales son as cousas que menos lle gustan.

3. ¿Cómo valora el uso, a grandes rasgos, que los canales españoles hacen de las redes sociales? Parece que rara vez se va más allá del hashtag como rótulo y de suplir el sms por tuits…

Creo que en España gran parte dos programas usan as redes sociais para o mesmo que antes se usaban os SMS: amosar en pantalla algún comentario sen necesidade sequera de facer referencia a el e, dende logo, sen que afecte ó desenvolvemento do programa. Tamén hai unha certa obsesión por xerar un gran volume de comentarios para lograr a visibilidade que ofrecen os trending topics e así favorecer a incorporación á audiencia do programa de xente que se achega pola curiosidade suscitada ó ver o tema destacado en Twitter. Non digo que isto estea mal, pero creo que é unha visión moi limitada do que o fenómeno das segundas pantallas pode ofrecer en canto a participación e implicación do espectador do contido televisivo. Creo que as vías que está explorando TVE, Antena3 ou a TVG xunto con Bridge Mediatech ó aportar información contextual con respecto ó contido que se está vendo na TV e facilitar o contacto coa audiencia a través de segundas pantallas, ou a través incluso da principal (como Botón Rojo de TVE), son moi interesantes e teñen un potencial de aplicación publicitaria evidente.

4. Leo un articulo suyo sobre branding y me pregunto ¿sería el branding, el mejorar la imagen de marca, la principal utilidad que las cadenas pueden sacar a estos recursos?

Considero que as redes sociais e as aplicacións second screen ofrecen ás canles de televisión a posibilidade de coñecer mellor ás súas audiencias e de interactuar con elas dun xeito moi directo para enriquecer a experiencia do espectador, con prácticas tan simples, por exemplo, como que unha actriz comente a serie na que traballa durante a súa emisión e intercambie impresións cos fans, ou que a participación da audiencia a través das redes teña efectos concretos no desenvolvemento do programa. A capacidade que teñen accións deste tipo de implicar ó espectador no contido que está vendo e de crear vínculos fortes coa audiencia pode contribuír a reforzar a imaxe de proximidade, innovación, e atención ó espectador que unha canle de televisión desexa proxectar.

Como vedes non hai nada revolucionario no que digo, pero parécenme ideas de base axeitadas para entender as posibilidades que ofrecen as prácticas de consumo audiovisual relacionadas coas segundas pantallas e coa TV conectada a produtoras, axencias e operadores de televisión.

“A ver si llego”, a ver se te vas marchando!

YouTube Preview Image

Vina onte coa curiosidade propia de quen espera que o sorprendan con algo bo para variar. Á fin e ó cabo “A ver si llego” debía ser a herdeira de tropecentos anos de fidelidade incombustible da audiencia por Aída, a colleiteira dun público cultivado pola serie de Globomedia e habituado a botar unhas risas os domingos pola noite: por que non había de ser así?

Eu creo que hai varios motivos para que non sexa así e para que, con “A ver si llego”, demostraran unha vez máis que é mellor estar calado e parecer tonto que abrir a boca e demostralo producindo unha serie coma esta.

O primeiro que me chamou a atención -probablemente o que máis me chamou a atención- foi o relativo á dirección artística. Tanto os decorados coma o vestiario parecen sacados do Gran Prix. E non estou falando da perfecta clasificación das cores: carnizaría e carniceira de vermello, froitería e froiteiro de verde, peixería e peixeiros de azul e panadaría e panadeiros de amarelo (xa estamos todos para botar un parchís!) senón da limpeza sen mácula tanto das súas roupas coma dos seus postos. Estamos nun barrio da zona vella dunha cidade pero todo é noviño do trinque. Estamos ante un grupo de esforzados traballadores que cargan caixas, evisceran peixe, fan filetes e parten polos, manexan pan enfariñado e non hai na súa roupa, mans ou guantes o menor átomo de lixo (estarán pensando nun posible patrocinio de Neutrex Futura ou terán acceso á máis avanzada tecnoloxía téxtil), todo é coma de anuncio de Fairy dos 90.

Outro aspecto no que creo que destaca a serie (para mal) é o guión: por unha banda está o perfilado dos personaxes que se fai a través dos diálogos, por outro as tramas e situacións bizarras (que a falta de confirmación interpretarei que son un intento de “marcas de estilo” en plan realismo máxico). Con respecto ós personaxes debo dicir que, na miña opinión e independentemente do que diga a biblia con respecto as súas personalidades, o certo é que nos diálogos todos teñen o mesmo “perfil” de chascarrillos pretendidamente vivaces e áxiles; vamos que todos son, cando falan, desa clase de xente que ten o as para matar oo tres e iso, ademais de estatísticamente imposible, é estomagante cando se produce en exceso.

Con respecto ó asunto das tramas… un capítulo é pouco para opinar, certamente, pero vendo a formulación inicial e os personaxes cos que contamos, creo que vai ser moita mecha para tan pouca dinamita e que pronto van comezar a sobrar cousas e personaxes por puro desinterese. O das situacións bizarras (presunto intento de marca de estilo ata que se demostre o contrario -presunción de inocencia ante todo-) haberá que velo con tempo, pero o primeiro capítulo xa deixou dous: un grupo de tanguistas nun patio de luces comandados por Neus Asensi (coitada, sempre coa mesma personaxe faga o que faga) e un desfile de majorettes un busca de apadriñamentos para árbores que marcha como entrou, saíndo do “barrio” volvendo sobre os seus propios pasos, en  canto consegue vinte céntimos e un bico do pescadeiro (!?).

E creo que xa chega:, non vou invertir eu tanto tempo en escribir isto coma José Luis Moreno en concibir a serie!