“A ver si llego”, a ver se te vas marchando!

YouTube Preview Image

Vina onte coa curiosidade propia de quen espera que o sorprendan con algo bo para variar. Á fin e ó cabo “A ver si llego” debía ser a herdeira de tropecentos anos de fidelidade incombustible da audiencia por Aída, a colleiteira dun público cultivado pola serie de Globomedia e habituado a botar unhas risas os domingos pola noite: por que non había de ser así?

Eu creo que hai varios motivos para que non sexa así e para que, con “A ver si llego”, demostraran unha vez máis que é mellor estar calado e parecer tonto que abrir a boca e demostralo producindo unha serie coma esta.

O primeiro que me chamou a atención -probablemente o que máis me chamou a atención- foi o relativo á dirección artística. Tanto os decorados coma o vestiario parecen sacados do Gran Prix. E non estou falando da perfecta clasificación das cores: carnizaría e carniceira de vermello, froitería e froiteiro de verde, peixería e peixeiros de azul e panadaría e panadeiros de amarelo (xa estamos todos para botar un parchís!) senón da limpeza sen mácula tanto das súas roupas coma dos seus postos. Estamos nun barrio da zona vella dunha cidade pero todo é noviño do trinque. Estamos ante un grupo de esforzados traballadores que cargan caixas, evisceran peixe, fan filetes e parten polos, manexan pan enfariñado e non hai na súa roupa, mans ou guantes o menor átomo de lixo (estarán pensando nun posible patrocinio de Neutrex Futura ou terán acceso á máis avanzada tecnoloxía téxtil), todo é coma de anuncio de Fairy dos 90.

Outro aspecto no que creo que destaca a serie (para mal) é o guión: por unha banda está o perfilado dos personaxes que se fai a través dos diálogos, por outro as tramas e situacións bizarras (que a falta de confirmación interpretarei que son un intento de “marcas de estilo” en plan realismo máxico). Con respecto ós personaxes debo dicir que, na miña opinión e independentemente do que diga a biblia con respecto as súas personalidades, o certo é que nos diálogos todos teñen o mesmo “perfil” de chascarrillos pretendidamente vivaces e áxiles; vamos que todos son, cando falan, desa clase de xente que ten o as para matar oo tres e iso, ademais de estatísticamente imposible, é estomagante cando se produce en exceso.

Con respecto ó asunto das tramas… un capítulo é pouco para opinar, certamente, pero vendo a formulación inicial e os personaxes cos que contamos, creo que vai ser moita mecha para tan pouca dinamita e que pronto van comezar a sobrar cousas e personaxes por puro desinterese. O das situacións bizarras (presunto intento de marca de estilo ata que se demostre o contrario -presunción de inocencia ante todo-) haberá que velo con tempo, pero o primeiro capítulo xa deixou dous: un grupo de tanguistas nun patio de luces comandados por Neus Asensi (coitada, sempre coa mesma personaxe faga o que faga) e un desfile de majorettes un busca de apadriñamentos para árbores que marcha como entrou, saíndo do “barrio” volvendo sobre os seus propios pasos, en  canto consegue vinte céntimos e un bico do pescadeiro (!?).

E creo que xa chega:, non vou invertir eu tanto tempo en escribir isto coma José Luis Moreno en concibir a serie!

4 thoughts on ““A ver si llego”, a ver se te vas marchando!

  1. A serie é mala con ganas! E sí, pobre Neus Asensi. Non poderá nunca interpretar outra clase de papel. Qué horror!!!! ;P

  2. En realidade bisexual. Igual era unha homenaxe a ‘Espartaco’ e ó diálogo das ostras e os caracois (moi apropiados para unha peixería). En calquera caso, creo que non o veremos moito máis na tv. Este domingo xa foi catastrófico.

  3. O peor de todo é que parece unha epidemia que se extende a todos os canais… dende “Mujeres” a serie de Dunia Ayaso e Félix Sabroso non vin unha serie española orixinal… ou que non sexa unha mala imitación das boas iankis…

    Saúdos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*