A publicidade sexista

Hai un pouco que rematei unha entrevista na Radio Galega sobre publicidade sexista que se emitirá previsiblemente mañá ou pasado nos informativos de mediodía. O tono da entrevista lévame a pensar que é probable que aborden o tema como se fai habitualmente: tratando a publicidade coma un desprezable compartimento estanco dentro da sociedade. Por se acaso os cortes seleccionados non o deixasen claro, aquí quedan dous breves apuntes coa miña opinión.

Que a publicidade resulta en moitos (moitos) casos escandalosamente sexista é un feito que non admite discusión, pero a teima habitual de mirala por enriba do ombreiro coma se nós, como sociedade, estivesemos moi lonxe do que a publicidade nos amosa é un erro grave.

O 23 de outubro de 2014 participei nunha xornada do Consello da Cultura Galega sobre a publicidade en Galicia. Na miña intervención argumentaba, por unha banda, que a comunicación publicitaria dunha marca responde tanto á identidade e filosofía dunha empresa como aos valores sociais do público obxectivo (lóxica comercial) e, por outra, que forma parte dun ecosistema mediático e social no que os valores de referencia predominantes son similares aos que explota a publicidade (acaso é menos sexista o cine, a prensa, o deporte ou a moda?).





Con isto quero dicir que rara vez a publicidade será punta de lanza de novos valores sociais sen o empuxe de institucións ou empresas que queiran promovelos (ben con finalidade comercial ou por seren obxectivamente positivos) ou o apoio dun público receptivo a eses novos valores. Os valores culturais socialmente aceptados, o políticamente correcto, son elementos cambiantes ao longo do tempo e, normalmente, una marca adaptará a súa comunicación ao que a sociedade pode aceptar (a pesar de que transgredilos tamén pode ser una estratexia, é máis habitual o primeiro que o segundo).

Dende unha perspectiva histórica é preciso clarificar que a publicidade non fai máis que reflectir os valores da sociedade á que se dirixen as súas mensaxes; nese sentido será tan vangardista culturalmente como sexan a marca sobre a que fala e a audiencia que escoita

Que a publicidade é sexista? Pois claro! Pero acaso non o é a nosa sociedade? Acaso non o somos nós?

YouTube Preview Image

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*