TFG

Se estás cursando 4º de Publicidade e Relacións Públicas ou de Comunicación Audiovisual deberías ir pensando no Traballo de Fin de Grao que terás que realizar para obter a titulación.

O Traballo Fin de Grao debe servir para amosar dun xeito integrado competencias e coñecementos asociados ó grao correspondente, polo que estará relacionado con un ou varios ámbitos de coñecemento presentes no plan de estudos cursado polo alumnado. O TFG poderá ter unha orientación teórica ou práctica e equivale a 12 créditos ECTS.

Cada un deses Traballos Fin de Grao debe estar supervisado por un titor académico que orientará ó alumnado na temática, metodoloxía, elaboración, presentación e calquera outro aspecto académico relativo ó TFG.

As propostas temáticas para a elaboración dos Traballos de Fin de Grao poden partir dos profesores interesados en titorizar proxectos sobre un ámbito específico ou de alumnos e alumnas coa iniciativa particular de desenvolver o seu TFG sobre unha temática concreta. En última instancia, é a Comisión Específica de TFG creada en cada un dos graos quen determina a asignación de titores.

Co fin de facilitar a vosa selección de tema, proposta de titor ou proposta de tema propio, aquí vos deixo algunhas ideas de base para TFG que me parecen interesantes, das que poden xurdir proxectos persoais amparados na temática xeral e que me gustaría dirixir:

1. Elaboración de portfolio e currículo creativo para o mercado laboral

Traballos prácticos  nos que o alumnado cree un portfolio profesional para a búsqueda de emprego e unha campaña de promoción persoal. O traballo incluirá unha fase de investigación e análise sobre a marca persoal e as ferramentas más axeitadas para desenvolvela.

2. Branding: análise e creación de marcas

Investigacións ou propostas prácticas sobre creación de marcas dende unha perspectiva integral. Caben tamén traballos de análise e comparación sobre a evolución dunha marca ou selección de marcas.

3. Novas tendencias da publicidade audiovisual

Investigacións sobre as últimas tendencias en contidos audiovisuais con finalidade publicitaria e a súa integración multipantalla  (branded content, virais, socialTV, etc.).

4. SocialTV e transmedia: investigación sobre as redes sociais e aplicacións second screen na creación e promoción de contidos audiovisuais

Investigacións sobre a relación actual entre contidos audiovisuais, redes sociais e aplicacións second screen que ofrecen unha experiencia de consumo mellorada ós espectadores, novas plataformas de creación de contido e unha nova vía de promoción para as obras audiovisuais.

5. Investigación sobre televisión: Television Studies

Baixo a denominación de Television Studies agrúpanse todas aquelas investigacións que teñen a televisión como obxecto de estudo. Así pois, baixo esta liña de investigación caben traballos de tipo teórico sobre televisión en calquera dos aspectos que non foron contemplados nas liñas de investigación anteriores: xéneros televisivos, historia da televisión ou de formatos concretos, o negocio televisivo, a programación televisiva, publicidade televisiva, creación de marca en contidos televisivos, análise de tendencias publicitarias audiovisuais, etc.



Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*