Un mundo sen manchas

Xa ía sendo hora de que os fabricantes de produtos de limpeza (disto quero crer que os publicistas non teñen culpa -ou si?-) se desen conta de que, por moito que unha azafata do futuro con perruca platino nos traia os últimos adiantos en limpeza, por moito que poidamos entrar (estilo ghost) dentro dunha saba e comprobar que as partículas deterxentes se merendan a suciedade, por moito que nos bombardeen con supostas probas “en directo” da efectividade do produto lavando a roupa coma se estivesen batendo xabón (do artesanal), a mente do espectador non chega a rompe-lo continuum publicitodeterxente establecido dende os 60 ata os nosos días: todo semella o mesmo anuncio do mesmo deterxente porque lles costa pasar da antiga concepción de venta dun “produto”. Por iso houbo que meter á mamá de Ronaldinho no fregado, para que o espectador pestanexase; por iso houbo que crear iniciativas sociais para o aforro de auga auspiciadas por Ariel: por iso houbo que comezar a “vender” outra cousa.

Por iso tamén, en definitiva, está ben que Puntomatic decida posicionarse coma empresa preocupada pola igualdade no reparto de tarefas no fogar (e de paso vender algunha que outra pastilla de xabón, inda que a estas alturas de discurso iso sexa o de menos) con “Un mundo sin manchas“, unha novidosa campaña desas que teñen un spot gracioso e pegadizo do que falar nas tertulias da radio e nos xornais (e nos blogues, claro!) e unha páxina web na que facer cousas divertidas; só lles falta un vídeo no YouTube -que chegará- para ser virais a morte. En todo caso debo dicir que me gusta.
En El Mundo podedes ver este spot que me recorda estéticamente a “como mola ser un Gominola” e a “OK Go” sobre todo, por non falar do magnífico spot de IKEA.

Esquecía que tamén envían lavadoras a xente de especial relevancia social. Non se sabe ben se é para conciencialas ou para saír nos xornais. Por certo, que a Quintana xa se lle ocurrira algo semellante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *