Na liña dos casual fridays que me permitín vai o último do curso, aproveitando que parei a coller folgos para o seguinte ataque:
Un dos meus libros favoritos é O xogo de Ender.
É unha obra á que cheguei por casualidade haberá un par de anos, sen saber que dentro do ámbito da ciencia ficción é unha obra de renome.
O caso é que dentro do libro hai unha desas pasaxes que podes volver ler unha e cen veces e á que levo un tempo dándolle voltas a raíz doutra lectura. Desculpade as probables inexactitudes, pero o fundamental é así: estamos nun futuro no que humanidade vive baixo a ameaza dunha guerra contra unha raza alieníxena da que moi pouco se sabe e nada se comprende. Neste contexto o exército conta cun programa de “detección de talento” en nenos, de xeito que aqueles máis válidos son enviados a un centro de adestramento no que recibirán formación para a guerra, fundamentalmente no eido estratéxico. Para detectar ós nenos habilidosos, todos levan implantado un aparello durante un certo tempo a través do cal o exército monitoriza tódalas súas actividades.
Cando Ender, un neno máis ben feble e cativo, entra na historia, acaban de quitarlle ese “monitor” e un grupo de matóns que lle ten ganas decide que, unha vez fóra do control do exército, é o mellor momento para darlle unha malleira. Cando o grupo se achega, e tras unha breve charla intimidatoria, Ender, facendo acopio de forzas e valor, dálle unha patada no estómago ó lider e consegue, contra todo pronóstico, derrubalo no chan.
Ender sabe de sobra o que vai suceder, sabe que el é máis feble e que eles son máis e sabe tamén que se o seu contrincante se levanta -ou se se achegan os seus compinches- conseguirán baterlle, e que se desta o mallan volverán a diario contra el. Sabe incluso que mesmo gañando esta batalla, volverán a diario contra el.
Ender sabe tamén que non hai nada máis rastreiro e contrario a calquera código de honra que agredir de novo a un adversario que está no chan e por iso precisamente volve a golpear ó matón con violencia, no chan, deixándoo totalmente vencido, sabendo que gañou a guerra e que non haberá máis batallas.
A lectura que me fixo lembrar este pasaxe de O xogo de Ender foi O príncipe de Maquiavelo, que di nunha das súas páxinas:
Por eso conviene señalar que a los hombres hay que ganarlos o aniquilarlos, pues se vengan de las ofensas sin importancia; de las grandes, no son capaces. De ahí que toda ofensa que se inflija a un hombre ha de ser tan grande que no se tema su venganza.
Así de cru vos é o ser humano.
Deixa unha resposta