Moito anunciou a bombo e platillo Cuatro que iamos ve-lo sanfermín coma nunca o viramos. E tiña razón: un alarde de medios técnicos e humanos para cubrir unha festa popular con grande seguemento televisivo, incluso un acordo con kukuxumusu para os grafismos, amplo seguemento previo e posterior en torno ós 3 minutos escasos que adoita durar un encerro, cámara superlenta, planos curtos, detalles dos corredores… e nin un miserable plano xeral como é debido para poder apreciar as carreiras!! Podes ver ata a marca das zapatillas dalgún corredor, pero non tes un plano o suficientemente grande como para ver ben o avance dos touros entre os corredores. Para min é unha cuestión de lóxica: se o mellor lugar “ideal” que se lle ocorre a un espectador para ver o encerro, sería coma unha especie de xira polos balcóns do percorrido, por que as cámaras non escenifican iso mesmo, alomenos de cando en cando? Como é posible que non teñan un plano da curva entre Mercaderes e Estafeta dende o punto de vista máis amplo e sen ángulos mortos? Non terán tanta floritura, pero a día de hoxe creo que se ven mellor os encerros en TVE1.
Tamén temos ración para a Rapa das Bestas. Creo que é un espectáculo magnífico, algo do que se poden sentir ben orgullosos os veciños de Sabucedo. Sen embargo, nos últimos tempos, hai unha chea de espectáculos e eventos que sucumben ante as ambrosías da televisión. A un parécelle que se unha canle de televisión -ou un cento- cubre o acto que organiza haberá unha repercusión positiva no crecemento e difusión do evento, e é completamente certo; sen embargo moitas veces os que asisten ó acto en directo -os espectadores orixinais- pagan a peaxe dese lucimento catódico. Como digo pasa en moitos sitios e con moitas cousas. No caso da Rapa, creo que non se pode concebir un espectáculo ancestral ó que se lle queren outorgar tintes épicos -uns douscentos cabalos nun curro reducido cunha ducia de aloitadores dispostos a rapalos sen máis axuda que tesoiras, non merecen menores adxectivos- tendo a un equipo de Antena3 e a outro de España Directo paseando entre ese maremagnum de bestas, aloitadores, suor e terra coma se fose a Festa da Auga de Vilagarcía (con tódolos respectos á festa e á vila) e preguntando ós aloitadores en plena faena se é difícil, se pasan medo, ou se fai falla moita forza. Por favor, as cámaras nas bancadas -coma fixeron unha chea de fotógrafos e a Galega- que para iso hai zoom e teleobxectivos.
Por certo, que non sei o que opinará Manolo Rivas sobre o tema, que alí estaba tamén con cámara de fotos e un caderniño no que de cando en cando tomaba anotacións.
Deixa unha resposta