Televisionando espectáculos

Moito anunciou a bombo e platillo Cuatro que iamos ve-lo sanfermín coma nunca o viramos. E tiña razón: un alarde de medios técnicos e humanos para cubrir unha festa popular con grande seguemento televisivo, incluso un acordo con kukuxumusu para os grafismos, amplo seguemento previo e posterior en torno ós 3 minutos escasos que adoita durar un encerro, cámara superlenta, planos curtos, detalles dos corredores… e nin un miserable plano xeral como é debido para poder apreciar as carreiras!! Podes ver ata a marca das zapatillas dalgún corredor, pero non tes un plano o suficientemente grande como para ver ben o avance dos touros entre os corredores. Para min é unha cuestión de lóxica: se o mellor lugar “ideal” que se lle ocorre a un espectador para ver o encerro, sería coma unha especie de xira polos balcóns do percorrido, por que as cámaras non escenifican iso mesmo, alomenos de cando en cando? Como é posible que non teñan un plano da curva entre Mercaderes e Estafeta dende o punto de vista máis amplo e sen ángulos mortos? Non terán tanta floritura, pero a día de hoxe creo que se ven mellor os encerros en TVE1.
Tamén temos ración para a Rapa das Bestas. Creo que é un espectáculo magnífico, algo do que se poden sentir ben orgullosos os veciños de Sabucedo. Sen embargo, nos últimos tempos, hai unha chea de espectáculos e eventos que sucumben ante as ambrosías da televisión. A un parécelle que se unha canle de televisión -ou un cento- cubre o acto que organiza haberá unha repercusión positiva no crecemento e difusión do evento, e é completamente certo; sen embargo moitas veces os que asisten ó acto en directo -os espectadores orixinais- pagan a peaxe dese lucimento catódico. Como digo pasa en moitos sitios e con moitas cousas. No caso da Rapa, creo que non se pode concebir un espectáculo ancestral ó que se lle queren outorgar tintes épicos -uns douscentos cabalos nun curro reducido cunha ducia de aloitadores dispostos a rapalos sen máis axuda que tesoiras, non merecen menores adxectivos- tendo a un equipo de Antena3 e a outro de España Directo paseando entre ese maremagnum de bestas, aloitadores, suor e terra coma se fose a Festa da Auga de Vilagarcía (con tódolos respectos á festa e á vila) e preguntando ós aloitadores en plena faena se é difícil, se pasan medo, ou se fai falla moita forza. Por favor, as cámaras nas bancadas -coma fixeron unha chea de fotógrafos e a Galega- que para iso hai zoom e teleobxectivos.

Por certo, que non sei o que opinará Manolo Rivas sobre o tema, que alí estaba tamén con cámara de fotos e un caderniño no que de cando en cando tomaba anotacións.

2 respostas a “Televisionando espectáculos”

  1. Avatar de quique
    quique

    ola alberto! deixame que “defenda” ao equipo de ed que se mesturou coas bestas e os/as aloitadores en sabucedo. eu tamén o fixen un ano e non dubidaria en facelo de novo éste, se non estivera de vacacións. E aínda que non traballando estiven alí, de pe, gozando do espectáculo… e non sei,, pode que xa por costume,, non me chamaron a atención os equipos de tv.

    E ti mellor que ningúen saberas como chegar ao espectador…ou dende arriba… ou dende abaixo!

    PD: Un equipo da Galega estivo facendo conexións en directo, por iso estivo arriba ( cuestións meramente técnicas ). O equipo que gravou peza si que baixou. E os fotógrafos baixaron todos e cada un deles por turnos.

    Seica é a peaxe que hai que pagar nestes tempos de imaxe que vivimos!! Unha aperta enorme e sorte na facultade

  2. Avatar de albertodafonte
    albertodafonte

    Efectivamente vin que pouco a pouco todo o mundo remata baixando á area. Como espectador no curro “molestoume” algo a presenza das cámaras rompendo a estética do espectáculo, pero foi tras ver a retransmisión, precisamente a través de España Directo, cando rematei de desgustarme.

    A rapa é -polo que vin como neófito- un espectáculo de forza e de tensión -de moita tensión- e o feito de que campe tranquilamente entre as bestas un reporteiro co maior dos sonrisos -inda que sexa unha risa nerviosa ou “profesional”- entrevistando en plena faena ós aloitadores transmite unha impresión a través do televisor de que non hai ningún tipo de perigo, de nervios ou de dificultade no que se está vendo posto que “calquera” se pode meter no medio, e de que os aloitadores non precisan ningún tipo de concentración especial para o que fan posto que poden atender ás preguntas máis triviais respostando con calma.

    Creo que ese xeito de transmitir este evento concreto proxecta unha imaxe televisiva case oposta ás sensacións que se experimentan coma espectador en directo e que polo tanto, desmitifican e trasmiten unha imaxe distorsionada e moi descafeinada do que é a Rapa. Para min hai outras festas que se poden retransmitir así, pero non esta.
    En calquera caso, encantado de recibir e publicar o teu punto de vista. Aínda que eu son máis novo ca ti e polo tanto o que vou dicir soará excesivamente grandilocuente é unha satisfacción que ex-alumnos da facultade estean demostrando, coma ti, o seu bo facer no eido profesional. Moita sorte.

    PD: Debo dicir tamén que, no fondo, paréceme unha experiencia envexable poder vivir tan de preto moitas das experiencias que, como reporteiros, podedes desfrutar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *