Xa hai días que falamos do Vivamos como galegos e dos spots previos nos que se puido inspira-la campaña. Independentemente de que -á vista dos precedentes- creas que é un plaxio, unha “intertextualidade” ou unha inspiración, o que resulta incuestionable é que todo o mundo falou dela nas semanas seguintes á estrea (agora xa vai decaendo o tema) e que iso en si mesmo xa se pode considerar un logro e, probablemente, un dos obxectivos da campaña -precisamente agora que se non fas algo susceptible de se colgar en YouTube non es ninguén-.
De tódolos xeitos o que quero comentar agora é a contracampaña desenvolta como resposta ó spot e, sobre todo, como resposta a esa saturación de referencias ó Vivamos como galegos en internet (á cal contribuín dende o principio): é difícil atopar un post ou unha nova sobre o éxito do spot de Gadis sen un comentario de un tal “El Conde” (eu mesmo fun un dos “agraciados”) falando dos spots da Molson e da Schneider e das similitudes entre a páxina de BAP&Conde e a de Y&R. Deste xeito, cada unha das referencias que contribuiu a incrementa-lo efecto da campaña de Gadis, levaba tamén unha pequena semente “contrapublicitaria” adherida que chegou a través de internet, posiblemente, ó mesmo público potencial que a propia campaña.
Dende logo, iso é dedicación!.
Por certo, que boto en falta ó tipo de “Gadisa-net” que sistemáticamente entraba na páxina para ver se ían ben os comentarios nos meus post. Sígao facendo: eu tamén o fago.
Deixa unha resposta