Eu souben do asunto pola radio hai xa meses: a un consumidor deulle por comprobar se nos paquetes de sopa de letras de pastas Gallo estaba efectivemente o alfabeto completo. Viu que non, que faltaban o “U” o “W” e o “Ñ” e montou un blogue sobre o tema, ademais de poñerse en contacto coa compañía para lles preguntar qué pasaba coas letras que faltaban. O caso acadou bastante difusión na rede (xa vos digo que cando souben del o asunto xa estaba en La ventana da Ser) e pastas Gallo tomouse en serio o tema.

Sorprendentemente hoxe atopo a resolución do asunto aquí, o que me fai pensar no xeito en que unha compañía -facendo gala dun sentido do humor pouco habitual nestes ámbitos- pode aproveitar unha continxencia deste tipo para mellora-la súa imaxe. Coido que é todo un exemplo.
Deixa unha resposta