Concurso Curtas na Rede 2007

Chegoume por correo-e:

“A Secretaría Xeral de Comunicación Audiovisual está levando a cabo en colaboración co Consello da Xuventude de Galicia o concurso de curtametraxes, micromovies e bitácoras Curtas na Rede por segundo ano consecutivo, dentro do Plan de Promoción das curtametraxes galegas. A contía dos premios que se conceden ascende a 25.000 euros que se reparten en cinco categorías segundo a idade dos participantes.

A páxina web www.curtasnarede.es é o medio a través do cal os creadores e os usuarios rexistran as súas obras e votan polas preferidas. Ata o momento, xa se rexistraron 183 usuarios que inscribiron 43 curtametraxes e crearon 24 bitácoras. Ademais publicáronse 17 micromovies, gravacións de medio
minuto de duración coa cámara do móbil. O portal de Curtas na Rede rexistra cada día un alto número de visitas de internautas de máis de trinta países, sobre todo da Comunidade Europea e do continente americano, polo que os novos realizadores non profesionais dan a coñecer os seus traballos por
todo o mundo. A web, deste xeito, funciona como unha plataforma audiovisual para todos os usuarios, que poden ademais descargar directamente as curtas para velas en reprodutores portátiles.

A temática da segunda edición xira en torno a Xuventude, Inmigración, Medio Ambiente e Visións Nosas e Alleas, que é de tema libre, aínda que estas son só un punto de partida para a creatividade. Todas as curtas deben estar en galego excepto as de temática libre que poderán ser gravadas en calquera
outra lingua. Esta novidade permite ampliar o abano de participantes substancialmente.

A posibilidade de abrir a bitácora de rodaxe que tamén opta a premio é unha das novidades deste ano. As tres primeiras bitácoras do ranking suman entre elas 4.000 visitas de internautas que deixan os seus comentarios sobre cada curta ou micromovie. A mellor bitácora recibirá un premio da Secretaria Xeral de Comunicación que ascende a 600 Euros.

Curtas na rede ten aberto o prazo de inscrición ata o 15 de setembro de 2007, momento no que o xurado, composto por persoas de recoñecido prestixio no mundo do audiovisual e da cultura e polos membros das entidades organizadores, avaliará as pezas para outorgaren os premios concedidos pola Secretaría Xeral de Comunicación, polo Consorcio Audiovisual de Galicia, polo Consello da Xuventude, pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible e pola Secretaría Xeral de Comunicación, así como polas compañías R e Blue:Sens”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *