
“Os días 14 e 15 de maio na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación
Afondar no coñecemento do curtametraxismo en Galicia e crear un punto de
encontro para o debate. Estes son os principais obxectivos de Curtas.gz,
unhas xornadas que nacen a partir da iniciativa do estudantado organizado
nos CAF (Comités Abertos de Facultade) e o Cinecuble da Facultade de
Ciencias Sociais e da Comunicación.
A actividade, que terá lugar os vindeiros 14 e 15 de maio, conta co apoio
das vicerreitorías do campus de Pontevedra, de Relacións Institucionais e de
Extensión Cultural e Estudantes, así como do Concello da cidade.
Na presentación das xornadas, Jesús Hernández, vicerreitor do campus
pontevedrés, destacou o alcance da iniciativa e apuntou que “na medida do
posible imos a apoiar propostas do alumnado que teñan certo rigor e
calidade, condicións que se dan de xeito evidente neste proxecto”.
Curtas.gz pretende tamén servir de punto de arranque para a promoción dun
maior número de actividades relacionadas coa titulación de Comunicación
Audiovisual que, como sinalou Hernández, “precisan dun maior fomento”.
Ao longo de dúas xornadas, Curtas.gz percorrerá a historia do
curtometraxismo en Galicia, dende o seu nacemento ata a actualidade. “É
importante coñecer as súas orixes no cinema mudo, xa que por aquel entonces
non existía o concepto de curtametraxes como un formato, a súa produción
estaba sometida ás limitacións técnicas”, apuntou Bernal Rúa, coordinador da
iniciativa.
Antonio Simón, Miguel Castelo, Ramiro Ledo ou Xavier Villaverde, serán
algúns dos numerosos profesionais do sector que se achegarán ata a
Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para compartir cos
asistentes a súa experiencia e traxectoria neste eido.
Ademais de charlas e mesas redondas, nas sesións proxectaránse clásicos da
curtametraxe galega como “Mamasunción” de Chano Piñeiro, “O pai de
Migueliño” de Miguel Castelo e diversos traballos de directores noveis.
Matrícula
As xornadas, dotadas cun crédito de libre configuración, son de carácter
aberto e gratuíto para a comunidade universitaria. Todos aqueles interesados
en participar poderán inscribirse enviando a súa solicitude ao correo
electrónico curtas.gz@gmail.com”.
Deixa unha resposta