Asistín hai meses a unha conferencia de Ken Bain sobre calidade da docencia, organizada pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa da Universidade de Vigo, e déronme un libriño ó que xa lle tiña moitas ganas. Onte retomeino e, aproveitando que hoxe é o dia do libro, recomendo a súa lectura tres veces ó dia despois de cada comida (dose para profesores, futuros profesores ou aprendices de profesores).
O libro en cuestión é O que fan os mellores profesores universitarios e está dispoñible en pdf neste interesante portal da Vicerreitoría. A grandes rasgos o libro recolle as boas prácticas e características de docentes considerados “extraordinarios”:
Para comezar este estudo tivemos que definir o que entendiamos por profesores extraordinarios. Isto resultou ser un asunto bastante sinxelo. Todos os profesores que eliximos para colocalos baixo o noso microscopio pedagóxico lograran un grande éxito á hora de axudar os seus estudantes a aprender, acadando influír positiva, substancial e sostiblemente nas súas formas de pensar, actuar e sentir.
Deixando de lado as cuestións metodolóxicas o libro responde ás seguintes preguntas:
Que saben e entenden os mellores profesores?
Como preparan a súa docencia?
Que esperan dos seus estudantes?
Que fan cando ensinan?
Como tratan aos estudantes?
Como comproban o seu progreso e avalían os seus resultados?
Como mostra:
Como tratan aos estudantes?
Os profesores moi efectivos tenden amosar unha gran confianza nos estudantes. Habitualmente están seguros de que estes queren aprender, e asomen, mentres non se lles amose o contrario, que poden facelo. A miúdo amósanse abertos cos estudantes e pode que, de vez en cando, falen da súa propia aventura intelectual, das súas ambicións, triunfos, frustracións e erros, e animen os seus estudantes a seren reflexivos e francos na mesma medida. Poden contar como desenvolveron os seus intereses, os obstáculos principais cos que se atoparon á hora de dominar a materia, ou algúns dos seus segredos para aprender algunha parte concreta da materia. A miúdo discuten abertamente e con entusiasmo o seu propio sentimento de respecto e curiosidade pola vida. Sobre todo, tenden a tratar os seus estudantes co que sinxelamente podería cualificarse como simple amabilidade.
Deixa unha resposta