O Campus CREA de Pontevedra ten na creatividade e na innovación o seu eixo central e a súa razón de ser. Desde a Universidade de Vigo -e desde o Campus CREA en particular- apostamos pola creatividade en calquera eido como motor de cambio e mellora social e polas formas innovadoras de enfrontarse aos problemas e aportar solucións creativas dende as áreas de especilización que nos son propias: arte, comunicación e creatividade; medio ambiente e natureza; educación, innovación social e xestión pública; deporte, saúde e benestar. Un conxunto de disciplinas que teñen moito que aportar á sociedade e que atopan o seu nexo na creatividade e a innovación.
Por iso é lóxico sumarnos por primeira vez á celebración mundial da creatividade e a innovación o vindeiro 21 de abril coas seguintes actividades na Casa das Campás:
Programa do Día Internacional da Creatividade e a Innovación no Campus CREA de Pontevedra
16:30 – Presentación institucional da xornada
Intervención do Sr. Reitor Magnífico da Universidade de Vigo, D. Salustiano Mato de la Iglesia
16:45 – Os camiños da creatividade
Mesa redonda con profesionais destacados de ámbitos diversos reflexionando sobre o que os une: o uso da creatividade para resolver os problemas e retos propios da súa actividade. Interveñen:
- Pablo Zentolo (Rei Zentolo)
- Juan Couto (Oqo editora)
- Javier Olleros (Culler de Pau)
- Isabel Aguirre de Urcola (directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega)
- Pepe Casal (preparador físico)
Modera: Alberto Dafonte Gómez, delegado do Reitor para a xestión das actividades de comunicación e internacionalización do Campus CREA.
18:30 – Somos CREA
Presentación de proxectos de investigación do Campus de Pontevedra con formato divulgativo a cargo de investigadores e presentación dos proxectos do alumnado premiado nas últimas convocatorias dos INCUVI-EMPRENDE no Campus de Pontevedra
O acto remata cunha degustación de produtos ecolóxicos e unha actuación musical a cargo de estudantes do Campus de Pontevedra.
20:00 – Fin do evento
Que é o Día Internacional da Creatividade e a Innovación?
O Día Internacional da Creatividade e a Innovación é un evento que nace en Canadá no ano 2001 para reivindicar o valor da creatividade como elemento central na resolución de problemas, na xeración de novas ideas e na mellora do mundo no que vivimos a través da innovación. Celébrase o 21 de abril como unha data na que “animar á xente a usar a súa creatividade para facer do mundo un lugar mellor e facer mellor tamén o seu lugar no mundo”.
No ano 2005 o Día Internacional da Creatividade pasa a enmarcarse na Semana Mundial da Creatividade e a Innovación, que se celebra dende entón entre o 15 de abril (data de nacemento de Leonardo Da Vinci) e remata o día 21.
Na actualidade o evento celébrase en centros educativos, comunidades e empresas de máis de 50 países.
As ideas centrais en torno ás cales xira o evento son as seguintes:
- afirmar a habilidade de cada individuo para xerar novas ideas
- difundir como se pode usar a creatividade – ideas novas, decisións novas, accións novas – para facer do mundo un lugar mellor para vivir
- creación de algo novidoso e diferente e xuntar ideas e conceptos que non se uniran con anterioridade
- afrontar distintas cuestión dun xeito diferente, formulando outras preguntas, buscando novos colaboradores e xuntar dúas ideas para chegar a unha terceira máis novidosa
- en definitiva, desatar o potencial da imaxinación creativa.

Deixa unha resposta