Toda unha sorpresa, a verdade. O profesor Benigno Fernández Salgado, organiza dende 2004 -creo- unha xornada de reflexión en torno á lingua galega (Resaca das Letras) na que ademais se fai entrega dun premio simbólico ás mellores webs en galego en distintas categorías. Os gañadores escóllense a través dunha votación na que participan, principalmente, estudantes e traballadores da nosa facultade.
Pois onte atopeime con Beni, que andaba a voltas cos carteis do evento, e informoume de que este humilde blogue está entre os candidatos a mellor blogue en galego. Como dixen, toda unha sorpresa e unha honra inmerecida.
En resacadasletras.blogspot.com podedes votar en tódalas categorías propostas (institucionais, empresas e corporativas, informativas, culturais, blogs e axencias publicitarias) pero esqueceron informar sobre a mesa redonda que, se a memoria non me falla, terá lugar mañá 21 de maio ás 16:00 na Facultade de Ciencias e Sociais e da Comunicación de Pontevedra e na que intervirán Antón Galocha e Jorge Coira entre outros.
Deixa unha resposta