O vindeiro 5 de abril A Fonsagrada converterase no primeiro concello de España en realizar a transición forzada de televisión analóxica á televisión dixital, uns dous anos antes que o resto do Estado. No caso da Fonsagrada, polo que leo, non se trata de ve-la televisión con maior calidade de imaxe ou de desfrutar dalgúns servizos engadidos, senon simplemente de “ver” a televisión posto que actualmente, como di o alcalde “nalgúns pobos máis que verse a tele, adivíñase”.
“[…] Así mesmo, lembrou que se ten escollido o concello lugués para o plan piloto por considerarse un municipio idóneo desde o punto de vista poboacional e orográfico e polos seus condicionantes técnicos, o que converte a iniciativa en extrapolable para a maior parte do territorio galego. Tratábase dun municipio que inicialmente só dispuña de sinal analóxico da TVG e no que se conta cunha densidade de poboación baixa e unha enorme dispersión; hai 4.993 habitantes repartidos en máis de 200 núcleos de poboación que non chegan aos 50 habitantes.
A experiencia da Fonsagrada permitirá, pois, proporcionar un marco real de actuación para o desenvolvemento coordinado da tecnoloxía dixital e permitirá identificar dificultades tanto no despregamento da rede como na adaptación á nova tecnoloxía polos usuarios. A iniciativa facilitará, ademais, o deseño de plans de información efectivos e o estudo das implicacións sociais do proceso.
A experiencia na Fonsagrada adianta en dous anos o apagón analóxico. No conxunto da Comunidade Autónoma, este apagón será unha realidade en 2010, data na que a TDT acadará o 98 por cento de Galicia”. [+] ler máis en xunta.es.
Deixa unha resposta